Sunday 28 de April de 2024

O Centro Municipal de Empresas “Accede Papagaio” acollerá unha xornada sobre axudas a empresas e emprendemento


A mesa terá lugar o vindeiro venres 24 de febreiro e cómpre inscrición a través de “Accede Papagaio” para participar

O Centro Municipal de Empresas “Accede Papagaio” acollerá unha xornada informativa dirixida a empresas e persoas emprendedoras sobre diferentes liñas de axudas, co obxectivo de dar a coñecer os recursos dispoñibles para o sector da cidade.

A xornada consiste nunha mesa técnica interinstitucional, organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, na que as persoas que asistan poderán coñecer a oferta de subvencións dispoñibles ás que poden optar, tanto para poñer en marcha a súa iniciativa empresarial como para impulsar empresas que xa estean en funcionamento.

A mesa estará coordinada pola xefa do Departamento de Promoción Económica e Comercio do Concello da Coruña e contarán coa participación de Beatriz Mariño, xefa do servizo de Emprego e Empresa do Concello da Coruña, Esther Reíllo, técnica de proxectos do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña e Patricia López, xefa do servizo de Fomento ao Emprendemento da Xunta de Galicia.

A xornada informativa terá lugar o vindeiro venres 24 de febreiro a partir das 10.00 horas no Centro Municipal de Empresas do Concello. A entrada é de balde, mais cómpre inscrición previa a través do “Accede Papagaio”, no enderezo electrónico empresa@coruna.gal ou no teléfono 981 18 98 87, xa que ten limitación de capacidade.